O proxecto de remodelación e ampliación supoñerá un investimento de máis de 1 millón de euros
Cambados, Pontevedra (España).
Portos de Galicia presentou onte á confraría de pescadores e aos representantes municipais a proposta técnica do proxecto de remodelación e ampliación da lonxa de Tragove, no municipio pontevedrés de Cambados, redactado por Antea Group España.
A presidenta do organismo autonómico, Dna. Susana Lenguas, trasladou que o proxecto pretende dar resposta ás necesidades de traballo trasladadas polo sector profesional de Cambados, cunha lonxa que está entre o dez máis importantes da comunidade cunha facturación próxima aos 8 millóns de euros anuais e máis de 1.000 toneladas de produtos do mar comercializadas. Con ese obxectivo, contempla a ampliación do edificio actual cara o nordés, creando unha nova zona destinada á limpeza de caixas, a preparación do peixe e cámaras de frío e conxelación.
Ademais, coa finalidade de dar maior cobertura á sala de poxas, redistribuiranse os espazos e ampliarase unha superficie de 260 metros cadrados continuando a cuberta existente que incluirá unha pequena zona abrigada que sirva para acoller a carga e descarga de mercadorías nos camións. Con isto elimínanse do actual espazo da lonxa a zona de limpeza, o almacén de caixas e a cámara frigorífica.
O proxecto redactado por Antea Group España inclúe tamén o acondicionamento da actual planta baixa modificando a distribución dos baños e a oficina da confraría e dispoñendo unha zona de vestiario e aseos, así como outra de almacén para carretillas. Así mesmo, a oficina de inspección sanitaria substitúese por unha de atención aos clientes. Finalmente, na zona central da lonxa créase un espazo para a pesada do peixe e outro para o marisco e o quiosco destinado ás oficinas substitúese por un novo elemento móbil.