O proxecto de interese autonómico de Sogama é o primeiro que se aproba definitivamente en Galicia.
Cerceda, A Coruña (España).
A Xunta de Galicia deu a aprobación definitiva ao Proxecto de Interese Autonómico (PIA), redactado por Antea Group España, que permitirá ampliar e mellorar as instalacións da planta de tratamento de residuos de Sogama en Cerceda, A Coruña.
Este instrumento de ordenación propio facilitará e axilizará no futuro a ampliación e mellora das instalacións habilitando á empresa Sogama a ampliar a súa actividade e construír novas edificacións nos terreos dos que dispón sen someterse aos condicionantes urbanísticos das normas subsidiarias municipais ás que estaba sometida. Así mesmo, permitirá adaptar os parámetros de edificabilidade e alturas ás súas necesidades reais.
A solicitude de declaración do complexo ambiental de Cerceda como proxecto de interese autonómico fundaméntase no carácter básico e esencial do servizo público que presta Sogama no conxunto do territorio galego a través da xestión e do tratamento dos residuos urbanos que producen os 295 concellos adheridos ao seu sistema. Deste xeito favorécese que Sogama avance cara á implantación da economía circular en Galicia e o cumprimento en prazo dos obxectivos europeos en materia de xestión de residuos municipais.
O complexo ambiental é responsable da xestión e tratamento dos residuos que xeran 295 dos 313 concellos de Galicia, nos que residen 2,2 millóns de habitantes. Cada día, Sogama recibe e trata máis de dous millóns de quilos de lixo, e nos meses estivais chegáronse a superar os 3,5 millóns de quilos diarios. O tratamento inclúe a selección de materiais para reciclaxe.
O proxecto de interese autonómico de Sogama redactado por Antea Group España é o primeiro que se aproba definitivamente en Galicia desde a creación desta figura por lei no ano 2021.
O ámbito de actuación proposto ten unha superficie total de 805.431metros cadrados e está conformado por 18 parcelas, incluída a correspondente ás actuais edificacións do complexo, que ocupan 50.000 metros cadrados.