O proxecto pretende a mellora da mobilidade e accesibilidade na contorna portuaria, á vez que persegue renovar a imaxe da dársena e facela máis atractiva para veciños e visitantes.

Porto do Son, A Coruña (España).

A intervención levada a cabo na fachada marítima de Porto do Son foi de novo galardoada. Este ano os premios FAD de Arquitectura e Interiorismo celebraron a súa 65º edición, recibindo máis de 500 proxectos realizados en España e Portugal, e outorgaron o Premio FAD na categoría de cidade e paisaxe á intervención en Porto do Son.

O proxecto, deseñado por Creus e Carrasco arquitectos e RVR arquitectos, contemplaba o traslado do tráfico da zona portuaria, o aproveitamento do muro de contención situado xunto ao mar como paseo, incluíndo escalinatas de acceso ao mar, a instalación dunha estrutura de madeira que recrea os antigos secadoiros de peixe e a habilitación dun miradoiro cara ao Monte Louro.

As obras, levadas a cabo pola Unión Temporal de Empresas Construtoras Abeconsa – Canarga, foron supervisadas por Antea Group España como Dirección das Obras.